Wednesday 08 de May de 2024

Máis de medio cento de persoas de Frades participan no concerto didáctico “O son que me arrola”, da asociación Antonio Gandoy


Máis de medio cento de veciños e veciñas de Frades, tanto adultos como nenos, participaron no concerto didáctico “O son que me arrola”, programado polo Concello de Frades e que foi ofrecido pola asociación socioeducativa Antonio Gandoy, unha entidade sen ánimo de lucro que levou a cabo o proxecto Preescolar na Casa. “O son que me arrola” é unha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis pequenos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, das rimas e da instrumentación.

A actividade, levada a cabo no CPI Pontecarreira, combinou unha primeira parte de escoita deste tipo de música da man dos técnicos da asociación Antonio Gandoy para, acto seguido, converterse nun obradoiro no que as familias exploraron cos seus fillos e fillas os distintos instrumentos musicais, algúns profesionais e outros realizados con material de refugallo aló mesmo. Un acto ao que asistiu o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.